Saltar ao contido

España durante a segunda guerra mundial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
España durante a segunda guerra mundial
 Instancia de
Localización
 País
Wikidata C:Commons
Europa ao inicio da guerra en setembro de 1939 coa invasión de Polonia.

Oficialmente, durante todo o conflito a postura de España ante a segunda guerra mundial foi de neutralidade ou non belixerancia activa. Con todo, houbo participación de soldados españois en ambos bandos ao longo da contenda.

Réxime franquista durante a guerra

[editar | editar a fonte]

Forzas armadas españolas en 1940

[editar | editar a fonte]

Exército de Terra

[editar | editar a fonte]
Panzer I, equipado con 2 metralladoras MG 13 de 7,92 mm. Foi utilizado polo bando sublevado durante e tras a guerra civil española.

Ao acabar a guerra civil en 1939 reorganizáronse os ministerios do Exército e o de Mariña e creouse o do Aire. Restabelecéronse as Capitanías Xenerais a base de 8 Corpos de Exército na Península e 2 en Marrocos. Contra 1943 creáronse a IX Rexión Militar (Granada) e a Primeira División Acoirazada dentro das Forzas da Reserva Xeral.

Afeito a unha guerra de posicións fixas e sen grandes cambios estratéxicos, o Exército de Terra español carecía da mobilidade de operacións das unidades blindadas dos grandes exércitos europeos. Tampouco contaba con experiencia en operacións combinadas de carros e infantaría. Os carros máis modernos usados na Guerra Civil foran os soviéticos T-26, os xermanos Panzer I e as tanquetas italianas L3/35, xa anticuados para 1940.

Ao final da segunda guerra mundial en 1945 España contaba con 300 000 soldados de tropa, 25 000 suboficiais e 25 000 xefes e oficiais. Para estas alturas o seu armamento ficara moi obsoleto debido á rápida evolución tecnolóxica ocorrida durante a guerra. Así mesmo, o estado de mantemento do material estranxeiro, principalmente soviético, era catastrófico debido á falta de repostos e de técnicos especializados.

O núcleo da Armada española estaba composto en 1940 por un cruceiro pesado, 5 cruceiros lixeiros, unha vintena de destrutores e 5 submarinos. Malia supor unha forza naval significativa, non era en absoluto a que necesitaba España para protexer os seus intereses marítimos. Era unha nación que saíra dunha guerra civil, que destruíra os seus recursos e que recibía por mar a case totalidade das súas importacións. Tampouco era óptimo o estado das bases navais desde onde operaban esas naves.

Probas de mar do cruceiro Almirante Cervera (aínda sen armamento).

Dos 6 cruceiros, só 4 estaban operativos: o buque insignia, o cruceiro pesado Canarias, o cruceiro lixeiro Navarra, o cruceiro lixeiro Almirante Cervera e o xa obsoleto Méndez Núñez. Os outros dous, o Galicia e o Miguel de Cervantes (ambos cruceiros lixeiros da clase Cervera), atopábanse en estaleiros, sen dotación e en reacondicionamiento.

Canto aos destrutores, unha cuarta parte tiñan unha idade que se aproximaba aos 20 anos, carecían de valor militar e cumprían funcións de escola. Eran das clases Churruca e Alsedo. Canto á clase Ceuta e a clase Teruel, eran vellos destrutores cedidos por Mussolini a Franco durante a guerra civil que xa só servían como buques de instrución.

Os submarinos eran moi anticuados respecto dos que despregaban Alemaña e outras grandes potencias. Os C-1 Isaac Peral, C-2 e C-4 da clase C eran aptos só para funcións de vixilancia de costas e escola, mentres que o B-2, pola súa nula utilidade militar e a súa antigüidade era usado como Escola Naval de Mecánicos de Ferrol. Como ocorría no caso dos destrutores, Mussolini tamén cedeu submarinos, o Xeneral Mola e Xeneral Sanjurjo, da clase Xeneral Mola.

Entre os buques menores contábase con catro modernos canoneiros-minadores da clase Júpiter, tres canoneiros da clase Cánovas del Castillo e o pouco mariñeiro transporte-canoneiro Calvo Sotelo. Tamén se contaban con seis antigos torpedeiros da clase T, dúas lanchas torpedeiras da clase G-5 soviética, tres antigas da clase MAS italiana e tres máis dos primeiros prototipos da clase Schnellboot alemá, estas últimas moi problemáticas polos seus motores de gasolina. A iso sumábase a lista habitual de buques auxiliares como petroleiros, transportes, alxibes, remolcadores, lanchas, patrulleiras e pontóns.

A Aeronáutica Naval, que en 1936 tiña aproximadamente un centenar de avións, desaparecera aquel mesmo ano pola eliminación física dos seus oficiais durante os inicios da Guerra Civil. Uns meses antes da sublevación quedara fóra de servizo o portahidroavións Dédalo, definitivamente despezado en 1940.

A carencia de oficiais, froito da guerra civil, a escaseza de repostos e de combustíbel e, como consecuencia, o baixo adestramento das dotacións, reducían aínda máis o valor práctico da Armada.

O 8 de setembro de 1939 o goberno franquista estabeleceu por lei a construción de 4 acoirazados, 2 cruceiros pesados, 12 cruceiros lixeiros, 54 destrutores, 36 torpedeiros, 50 submarinos, 100 lanchas torpedeiras, buques auxiliares, dotacións e repostos. Este programa nunca se chegou a efectuar polo seu custo astronómico e polo devir dos acontecementos posteriores.

O programa baseábase na axuda técnica que debía recibir España, pois a súa industria non estaba en condicións de construír por si soa buques de guerra modernos de importancia. Acababan de iniciarse as conversacións con Italia para a construción en España de acoirazados da clase Littorio cando comezou a Segunda Guerra Mundial. Quedou detido o programa naval antes de nacer e o esforzo industrial, sen a cooperación estranxeira, centrouse na modernización das unidades existentes e a finalización dos buques iniciados antes da guerra civil.

Exército do Aire

[editar | editar a fonte]

Os avións españois en 1940 eran en xeral inferiores aos da aviación alemá e británica da época. Aínda que durante a guerra civil moitos avións deran un magnífico resultado, o continuo desenvolvemento en materia aeronáutica propiciado entre 1939 e 1945 relegounos todos a un segundo plano.

A Lei de 9 de novembro de 1939 creou o Exército do Aire, e o 17 de outubro de 1940 organizouse o funcionamento das diferentes rexións e zonas aéreas. Daquela, España contaba con 1148 avións de 95 tipos diferentes. Porén, gran parte deles necesitaban urxentes reparacións e había unha falta xeneralizada de pezas de reposto para multitude de modelos de escasa entidade numérica. Tamén había unha carencia de instalacións especializadas, particularmente hangares.

O Exército do Aire español contaba cuns poucos centos de cazas, principalmente de fabricación italiana ou alemá: Fiat CR.32, Heinkel He 112, Bf 109, Fiat G.50 e Heinkel He 51. Entre os bombardeiros destacaban os SM.79, SM.81, Junkers Ju 52, Heinkel He 111, Dornier Do 17 e Fiat BR.20. Ademais, posuía avións de fabricación soviética e española baixo licenza soviética usados na guerra civil pola aviación republicana: cazas Polikarpov I-15 e Polikarpov I-16, e un pequeno número de bombardeiros Tupolev SB e avións de recoñecemento Polikarpov R-5 e R-Z.

A industria de aviación española, centrada en CASA e Hispano Aviación, continuou a produción de avións de combate tras a Guerra Civil. En 1940 existían 370 aparellos en fase de terminación en talleres ou en proceso de compra no estranxeiro. Completáronse 30 I-16 e 63 I-15 en diversos estados de fabricación en talleres republicanos entre 1939 e 1941, ademais de recuperar varias decenas de fuxidos a Francia ao termo do conflito. Así mesmo, reconstruíronse avións do bando sublevado a partir de células e pezas excedentes, talles como 49 Fiat CR.32 ou 30 Bücker Bü 131. Tamén se adquiriu a licenza de produción de varios modelos alemáns e italianos. Finalmente, chegáronse a producir 100 cazas e 40 biplazas de adestramento Fiat CR.32 (chamados HA-132L), 530 adestradores Bücker Bü 131 (CASA 1.131),[1][2] 25-50 Bücker Bü 133 (CASA 1.133)[3] e 25 Gotha Go 145 (CASA 1.145), 170 transportes Junkers Ju 52 (CASA C-352L) e 200 bombardeiros Heinkel He 111 (CASA 2.111).[1]

Con todo, a situación de bloqueo impediu a renovación do material existente, quedándose aos poucos uns inservíbeis e o resto anticuados, e pexando a produción a números escasos e atrasados no tempo. No entanto, durante a guerra adquiriuse un pequeno número de aparellos máis modernos, tanto mediante programas de compra de avións, outros materiais e licenzas de produción a Alemaña como coa adquisición de avións internados.

Política exterior entre 1939 e 1945

[editar | editar a fonte]

Neutralidade inicial

[editar | editar a fonte]
Estandarte da Lexión Cóndor.

O 1 de abril de 1939 acabou a guerra civil española e Franco converteuse en xefe de estado do novo réxime en España. Cinco meses despois, o 1 de setembro, Hitler desencadeou a ofensiva sobre Polonia que supuxo o estalido da segunda guerra mundial. Fronte a iso, Franco, que gobernaba unha nación en ruínas e con aínda enfrontamentos entre forzas de seguridade e guerrilleiros, tiña tres opcións. Podía situarse como inimigo de Alemaña ou Italia, cousa que non quixo facer pola gran afinidade política e ideolóxica cos gobernos deses países, que ademais colaboraron de forma importante na súa vitoria na guerra civil. Tampouco podía situarse como inimigo das potencias occidentais aliadas, ao estar rodeado de Francia e as súas colonias e ter o Reino Unido unha poderosa frota que podería impor un bloqueo. Non quedaba máis remedio que impor a neutralidade, a mesma posición que mantivo o país na primeira guerra mundial.

Pero as diferenzas entre ambos casos eran claras. España mantivera unha posición neutral ante a primeira guerra mundial debido ao illamento que sufrira tras o desastre do 98, e por tanto, desfasara o seu exército. Agora mostrábase neutral debido ás consecuencias da guerra civil, que devastara os nós de comunicacións, industrias e cidades. Tiña un exército con gran cantidade de experiencia acumulada na guerra civil e material moderno de orixe italiana, alemá e rusa. A única similitude que había entre ambos casos era a gran axitación interna.

No entanto, tras a entrada de Italia na guerra o 10 de xuño de 1940, Franco cambiou a súa posición de neutralidade á de «non belixerancia» o 12 de xuño de 1940.

A entrevista de Hendaia produciuse o 23 de outubro de 1940. Franco entrevistouse con Adolf Hitler, acompañados ambos dos seus ministros de Asuntos Exteriores, Ramón Serrano Suñer (España) e Joachim von Ribbentrop (Alemaña). O resultado foi que España finalmente non entrou na guerra como belixerante, xa que ambas partes non lograron porse de acordo sobre os termos específicos para entrar na guerra.

Tamén se discute até que punto a información secreta que lle pasou Wilhelm Canaris (quen lle asegurou a Franco, ás costas de Hitler, que Alemaña non gañaría a guerra) influíu nas decisións que posteriormente tomase Franco. As demandas territoriais sostidas como punto de partida por ambas ditaduras para afrontar as negociacións eran:

Aínda así, outras fontes cren que se Hitler (ou quizais Mussolini) exercese unha firme presión sobre Franco, é de prever que tarde ou cedo se conseguiría a entrada de España na guerra ao lado do Eixe. Pero Hitler cambiou os seus plans, talvez angustiado por asuntos máis urxentes como preparar a Operación León Mariño ou a Operación Barbarossa, ou estimando que a entrada de España na guerra non sería decisiva nin de importancia ineludíbel.

Cómpre indicar que Hitler consideraba que o «espazo vital» do Terceiro Reich estaba en Europa Oriental e non no Mediterráneo ou o norte de África. Isto impulsaba a expansión xermana á custa da Unión Soviética e por iso Hitler logrou forzar exitosamente países como Hungría, Eslovaquia ou Romanía para se uniren á guerra en apoio do Eixe. España, pola súa posición xeográfica periférica, puido evitar as presións nazis en tal sentido.

Artigo principal: Entrevista de Hendaia.

Política das tres frontes

[editar | editar a fonte]

A política das tres frontes é a posición estándar que tomou o goberno español durante a segunda guerra mundial. Era unha posición pronazi na guerra que sostiña Alemaña coa URSS, estritamente neutral na guerra entre Alemaña e as potencias occidentais, e proaliada na guerra que sostiñan os Estados Unidos contra o Xapón.

Franco difundiu unha peculiar e interesada teoría e transmitiulla ao embaixador norteamericano. Segundo esta tese, estaban a desenvolverse tres guerras simultáneas: a do Eixe contra a URSS, en que España era favorábel ao Eixe; a do Eixe contra os Aliados, en que era neutral, e a do Pacífico, onde asegurou que era necesario derrotar os xaponeses porque estes eran —entre outros cualificativos— uns bárbaros.
Florentino Rodao. Guerra a los bárbaros de Oriente. Clío. xuño de 2006.[4]

A postura do franquismo evolucionou ao longo do conflito, sempre mantendo unha ambigua neutralidade cando era beneficioso para os seus intereses. Así, tras a batalla de Francia en xuño de 1940, cando parecía inevitable que o Terceiro Reich vencería o Reino Unido, Franco entrevistouse con Hitler en Hendaia. España ofreceu ao Terceiro Reich a División Azul para apoiar o ataque á URSS, permitiuse a reposición de submarinos alemáns en portos españois, censuráronse as noticias de derrotas alemás na propaganda española e os axentes alemáns da Abwehr tiñan gran liberdade para traballar en territorio español mentres se vixiaba os británicos, entre outras concesións. O 25 de novembro de 1941 España asinou o Pacto Antikomintern revisado (asinara a versión inicial o 25 de marzo de 1939), texto auspiciado pola Alemaña nazi e o Imperio do Xapón, ao que tamén se sumou a Italia fascista e outros países próximos ao Eixe.[5]

Con todo, a partir de novembro de 1942 percibiuse en España que o conflito deu un xiro completo, tras o éxito dos desembarcos estadounidenses en Marrocos e Alxeria, a vitoria británica na batalla de El Alamein, e ser detido brutalmente o Heer durante a batalla de Stalingrado. Neses momentos Franco comprendeu rapidamente a nova situación e repentinamente volveu practicar unha estrita neutralidade. Mesmo tolerou certas vantaxes militares aos aliados, semellantes ás que ofrecera antes á Alemaña nazi.

Suborno a xenerais españois

[editar | editar a fonte]

Segundo Robert Solborg, axente estadounidense en Lisboa en 1942, o primeiro ministro británico Winston Churchill estaba convencido de que España entraría nalgún momento na guerra ao lado de Adolf Hitler. Para evitalo, decidiu subornar os xenerais que estaban baixo as ordes de Franco e crear toda unha corrente militar de pensamento en contra da entrada de España no conflito. O axente elixido para efectuar o suborno foi o banqueiro Joan March (quen ademais foi un das principais canles de financiamento para a sublevación de 1936), que se encargou de convencelos e distribuír entre eles unha suma inicial de 10 millóns de dólares americanos da época.[6] Segundo Ferrer, só en 1942 os xenerais de Franco recibiron entre 3 e 5 millóns de dólares.[7]

Aspiracións sobre Orán

[editar | editar a fonte]

O goberno franquista aspiraba a reincorporar a España a cidade norteafricana de Orán, por entón parte da Alxeria francesa, cunha importante poboación de orixe española. Para iso, entre 1940 e 1942 utilizou presións diplomáticas e campañas de prensa. A campaña foi bautizada operación Cisneros polos servizos de contraintelixencia da Francia de Vichy.

Declaración de guerra ao Xapón?

[editar | editar a fonte]

Encóntrase escrito na revista Clio:

É pouco coñecido que Franco quixo declarar a guerra ao Xapón cando xa se advertía a derrota do Eixe en 1945 e que mesmo se concibiu o envío dunha nova División Azul con tal fin. O episodio reflicte o carácter zigzagueante da diplomacia franquista –que pasou de admirar o Xapón a convertilo en inimigo– e como os clichés sobre os «bárbaros orientais» impregnaron a visión española do imperio nipón. «Parece como se fósemos declarar a guerra ao Xapón», espetou o ministro de Exteriores español, José Félix de Lequerica, ao agregado militar británico en Madrid, Windam W. Torr, nunha cea informal. Era marzo de 1945, cando o Terceiro Reich vivía os seus últimos meses e era obvio que os Aliados gañarían a guerra.
Florentino Rodao. Guerra a los bárbaros de Oriente. Clío. xuño de 2006.[4]

Tras a derrota do bando republicano na guerra civil española, como sucedeu en América, un número considerábel de exiliados españois emigraron ás antigas colonias españolas de Asia, en especial Filipinas. Alí pillounos o estalido da contenda entre o Xapón e os Estados Unidos en decembro de 1941. De feito, Franco enviou unha felicitación ao emperador xaponés Hirohito polo éxito do ataque a Pearl Harbor.[8][9] Nun principio, a prensa franquista enxalzou as conquistas xaponesas e pediu aos españois que habitaban alí que axudasen os aliados xaponeses. Porén, estes axudaron o bando estadounidense, facendo unha guerra de guerrillas ao Xapón.

Non todos os españois confinados alí eran exiliados. Entre eles atopábase Andrés Soriano, o fundador de Cervexa San Miguel, o home máis rico de Filipinas, quen prestou axuda ao bando sublevado durante a guerra civil e heroe do Pacífico, ademais de amigo persoal do xeneral MacArthur. Outro gran heroe foi Leoncio Peña, quen pertenceu a unha escuadra na que só quedaron dous sobreviventes. Tras loitar en Okinawa foi trasladado aos Estados Unidos, onde recibiu a Estrela de Bronce por méritos de guerra, a Medalla do Corazón Púrpura e a do Acio de Folla do Carballo.

No entanto, os españois pagaron cara esa axuda. Á parte de soldados tamén había moitos misioneiros, quen sufriron unha gran persecución pola súa condición de relixiosos. Na illa de Saipan, o gobernador militar chegou a dicir «A Igrexa católica non debe ser algo bo cando Hitler en Europa a persegue tanto». Os misioneiros instalados en Saipan foron de quen peor o pasaron, illados en domicilios con escaseza de alimentos e medicamentos. Os xaponeses empregábanos de escudos, utilizando os conventos como almacén de municións, sabendo que as forzas estadounidenses non os bombardearían. Moitas monxas estiveron a piques de ser fusiladas, simplemente por acenderen lume para quentarse ou por falaren entre elas, pois os xaponeses sospeitaban que colaboraban con MacArthur. Nin sequera a liberación estadounidense era de bo agoiro para os misioneiros mentres houbese soldados xaponeses preto.

O Masacre de Filipinas

En 1944, coas forzas aliados xa preto de alzarse coa vitoria, o seguinte paso era a conquista de Filipinas, que cortaría ao Xapón o envío de petróleo de Malaca e Sumatra. Tras o desembarco, as tropas estadounidenses chegaron a Manila, onde o Xapón causou o maior masacre de toda a fronte pacífica. Alí atopábanse 1700 españois. Coa cidade a piques de ser conquistada, os oficiais xaponeses ordenaron sacar centos de civís españois e filipinos para metrallalos a sangue frío. As maiores matanzas foron no barrio de Intramuros, onde os civiles se intentaron ocultar nos edificios relixiosos. As tropas xaponesas incendiaron os edificios cos ocupantes dentro e tamén lanzaron granadas ao interior dos mesmos para disparar a quen saíse ao exterior. Outros foron enterrados vivos ou asasinados sen máis. Houbo un caso dunha nena de cinco anos, Ana María Aguilella, que sobreviviu a 16 baionetazos. Un informe cifrou en 12 700 os civís masacrados.

Tras o masacre de Manila a prensa franquista cambiou drasticamente de opinión e pasou a falar de «vesania nipoa». Ningún aliado podía facer algo semellante a cidadáns españois, polo que agora eran tratados como inimigos acérrimos. Foi entón cando se valorou a declaración de guerra ao Xapón. Non había risco, pois a guerra estaba practicamente acabada, e sería un bo método para quedar ben cos aliados tras a axuda prestada ao Eixe. Aínda que a idea foi finalmente refugada, o ministro de Asuntos Exteriores, José Félix de Lequerica, comunicou ao ministro plenipotenciario nipón en Madrid, Yakishiro Suma,[10] a ruptura das relacións diplomáticas entre ambos países o 12 de abril de 1945.[11]

Entre os españois que sobresaíron na Fronte do Pacífico, destacou o inventor, aviador e enxeñeiro Heraclio Alfaro Fournier (neto do fabricante de naipes). Proporcionou grandes innovacións e melloras nos avións estadounidenses, e pode ser considerado pioneiro no campo dos motores voadores. O xesuíta Pedro Arrupe, destinado nunha misión de Nagatsuka (preto de Hiroshima), socorreu xunto a outros misioneiros os feridos e axudou a incinerar as vítimas da bomba atómica.

O réxime franquista ante derrota da Alemaña nazi

[editar | editar a fonte]
Cadáveres atopados nunha fosa común do campo de tránsito nazi Janowska na Polonia oriental, na actual Ucraína. Imaxes como esta sobre o Holocausto nunca foron publicadas durante a ditadura de Franco.

Tras o fin da guerra en Europa, o réxime franquista non se desligou da visión da Segunda Guerra Mundial das potencias do Eixe, que apoiara sobre todo ao principio da guerra. Isto pódese comprobar no tratamento que deu a prensa e a axencia oficial de noticias EFE á derrota alemá. A morte de Hitler foi anunciada a toda páxina en portada polo diario Informaciones o 2 de maio de 1945 exaltando a súa figura e sen mencionar que se suicidou: morto «cara ao inimigo bolxevique, no posto de honra», defendendo a civilización cristiá. Nun ton máis moderado, fixeron o mesmo o monárquico ABC e o católico Ya, ocultando tamén que se suicidara e afirmando que morrera en combate. Neste último diario o antisemita Julián Cortés Cavanillas escribiu un panexírico do «home excepcional» que foi Hitler, defensor «das últimas murallas da civilización occidental» e que dedicou a súa vida a loitar contra todo o vello: «o liberalismo, o socialismo, o marxismo, o xudaísmo».[12] As primeiras noticias sobre os campos de concentración nazis apareceron a finais de abril de 1945, pero sen mencionar os xudeus e atribuíndo as penosas condicións en que se atopaban os reclusos ao caos provocado pola derrota. Estas ían sempre acompañadas de información e reportaxes sobre as consecuencias dos bombardeos aliados das cidades alemás e sobre a matanza de Katyń, perpetrada por orde de Stalin. Ademais equiparábase o sucedido nos campos nazis coa «persecución» á que estaban a ser sometidos nazis e fascistas, destacando o asasinato de Mussolini polos partisanos italianos.[13]

Imaxe da bancada de acusados nazis no proceso principal dos Xuízos de Núremberg. Diante, de esquerda a dereita: Hermann Göring, Rudolf Hess, Joachim von Ribbentrop, Wilhelm Keitel. Detrás, de esquerda a dereita: Karl Dönitz, Erich Raeder, Baldur von Schirach e Fritz Sauckel.

A prensa só comezou a falar con máis claridade dos horrores dos campos nazis despois do xiro estratéxico que deu Franco para tentar sobrevivir á derrota do Eixe. En xullo de 1945 nomeou un novo goberno no que a Falanxe foi relegada a un segundo plano. O protagonismo pasou ao sector católico procedente da CEDA que encabezaba Alberto Martín Artajo, novo ministro de Asuntos Exteriores. Pero seguiuse a aludir ao suposto maltrato que os aliados deron aos soldados nazis e, sobre todo, criticáronse os xuízos de Núremberg. Luis Carrero Blanco, o asesor máis importante de Franco, cualificounos de «vinganza» e de «crime» nas súas charlas de Radio Nacional de España, nas que ocultaba a súa identidade baixo o pseudónimo de Juan de la Cosa. Así mesmo, mantívose a férrea censura das imaxes dos campos de exterminio nazis, dos que nunca se deron a coñecer nin fotografías nin películas. En 1962 a censura suprimiu as imaxes dos campos que aparecían no filme de Stanley Kramer Judgement at Nurenberg e obrigou a cambiar o título desta polo de Vencedores o vencidos, que puña nun mesmo plano os asasinos nazis e o tribunal aliado que os xulgaba.

Houbo que esperar á morte de Franco en 1975 para ver as primeiras imaxes do Holocausto. Ademais, nalgúns libros e artigos seguíronse a encomiar as figuras de Hitler e de Mussolini e a obra dos seus respectivos réximes. Carrero Blanco, de novo baixo o pseudónimo de Juan de la Cosa, eloxiou en xuño de 1946 a reacción anticomunista dos «Estados nacionalsocialistas» alemán e italiano. O propio Franco, nun dos artigos que escribiu para o diario Arriba co pseudónimo de Jakin Boor, afirmou que Mussolini e Hitler fixeron retroceder a masonaría, e que esta cobrou a súa «vinganza» urdindo a caída de Mussolini e o atentado contra Hitler, así como coa represión que seguiu a vitoria aliada.[14]

Charles Chaplin no papel do ditador Adenoid Hynkel. A película O gran ditador (1940) estivo prohibida durante o franquismo. Houbo que esperar á morte do ditador para que puidese ser estreada en España.
En definitiva, a imaxe da guerra mundial que se difundiu dende 1945 era a de que as potencias do Eixe, mesmo cos seus erros e diferenzas co réxime católico español, enfrontaran valerosamente o inimigo comunista, co que se uniran estupidamente as democracias occidentais, favorecéndoo. [...] Alemaña seguía a aparecer no lado bo do gran combate contra o comunismo. Isto é o que explica que a censura cinematográfica se exercese durante décadas contra todo aquilo que significara crítica severa contra o réxime hitleriano. O gran ditador (1940), de Chaplin, só se puido ver en España tras a morte de Franco. O mesmo ocorreu con Esta terra é miña (1943) de Renoir. To Be or Not to Be (1942) de Lubitsch, puido estrearse en 1970. The Desert Fox (1951), centrada na conspiración contra Hitler de 1944, puido verse en 1963. A Basilio Martín Patino a censura modificoulle substancialmente un guión cinematográfico, e unha das ordes que recibiu dicía: Suprímase que mataron os pais de Helga porque eran xudeus. [...] Durante o réxime de Franco o xenocidio xudeu ocultouse deliberadamente todo o que se puido, que foi moito.[15]

Accións do réxime franquista

[editar | editar a fonte]

Ocupación de Tánxer

[editar | editar a fonte]

O 14 de xuño de 1940, cando xa era clara a vitoria alemá sobre Francia, tropas españolas ocuparon Tánxer e foi anexionada ao Protectorado español de Marrocos, no norte do actual Marrocos. Esta violación do estatuto da Zona Internacional de Tánger foi xustificada polo réxime franquista argumentando que a caída de Francia facía ingobernábel esta cidade. O 11 de outubro de 1945 o Exército español abandonou a cidade e volveuna declarar cidade aberta.

División Azul

[editar | editar a fonte]
Soldados da División Azul nun posto de mando de Prokrowskaja (URSS).

Un dos acordos alcanzados na entrevista de Hendaia foi a creación dunha división de soldados españois que debía loitar integrada no exército alemán cando comezase a invasión da Unión Soviética. O xeneral Agustín Muñoz Grandes foi o designado para mandar a división, con todo, posteriormente foi substituído por Emilio Esteban Infantes. Loitou no cerco de Leningrado e na Batalla de Krasni Bor.

A minoría dos 45 000 voluntarios foron forzados.[16] Participaron a cambio da conmutación da pena dun familiar prisioneiro de guerra ou preso político, como foi o caso de Luis García Berlanga.

O 20 de agosto, tras xurar lealdade a Adolf Hitler (que se modificou especialmente para mencionar a loita contra o comunismo), a División Azul foi enviada á fronte rusa. Foi transportada en tren a Suwałki (Polonia), desde onde tivo que continuar a pé. Tras avanzar até Smolensk despregouse no cerco de Leningrado, onde pasou a formar parte do 16º Exército alemán.

O total de baixas da División Azul elevouse a 22 700: 3934 en batalla, 570 por doenzas, 8466 feridos, 7800 enfermos e 1600 conxelados. Ademais, as forzas rusas tomaron 372 prisioneiros da División Azul, da Lexión Azul e dos voluntarios das SS 101, coñecidos como a Spanische Freiwilligen Kompanie. Destes, 286 foron mantidos en cativerio até 1954, en que volveron a España na nave <Semíramis, fretada pola Cruz Vermella o 2 de abril de 1954.

Os aviadores voluntarios formaron a Escuadrilla Azul. Esta, a bordo de avións Messerschmitt Bf 109 e Focke-Wulf Fw 190, foi acreditada con 156 derrubas de avións soviéticos.

Principais batallas
  • Batalla de Vóljov
  • Batalla de Possad
  • Batalla do Lago Ilmen
  • Batalla de Krasni Bor

Recursos e comercio

[editar | editar a fonte]
Mapa da África colonial en 1939, antes do inicio da segunda guerra mundial.

Malia a grave carencia de diñeiro, combustíbel, maquinaria e outras provisións, España foi capaz de fornecer algúns obxectos de primeira necesidade a Alemaña. Había unha serie de acordos secretos comerciais entre os dous países, en vigor desde o apoio do Terceiro Reich ao bando sublevado durante a guerra civil en 1937.

O recurso principal era o volframio, extraído por empresas mineiras alemás en España. Este era esencial a Alemaña para a súa enxeñaría de precisión avanzada e, por tanto, para a produción de armamento. Malia as tentativas aliadas de comprar todo o stock dispoñíbel (o que elevou moitísimo os prezos dos minerais), tamén houbo esforzos diplomáticos para influír en España. Porén, as materias primas españolas seguiron a chegar de forma continua ao Terceiro Reich até agosto de 1944, cando o avance aliado polo sur de Francia cortou as comunicacións terrestres entre España e Alemaña.

A venda libre de minerais españois ao nazismo foi xustificada como resultado dunha débeda do franquismo con Alemaña, que se debía pagar debido ao valioso apoio militar e de subministracións que o nazismo deu ao bando sublevado durante a guerra civil. Outros minerais que España tamén vendeu case na súa totalidade a Alemaña foron o ferro, o cinc, o chumbo e o mercurio.

España tamén actuou como intermediario para que a Alemaña nazi obtivese por un tempo diversos bens e mercadorías de Suramérica, como diamantes industriais e platino. Alcanzáronse acordos tamén na área laboral, como o pacto subscrito o 21 de agosto de 1941 co líder nazi Robert Ley para enviar 100 000 traballadores a Alemaña, que foron reducidos finalmente a 15 000.

Despois da guerra atopáronse probas de transaccións significativas de ouro entre Alemaña e España, as cales terminaron só en maio de 1945. Críase que este ouro fora consecuencia do saqueo nazi de países ocupados. Porén, as tentativas por parte dos aliados para obter o control do ouro e o retorno deste en gran parte foron frustrados por España.

Compra de armas a Alemaña

[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1943 chegou a Berlín unha comisión co fin de negociar a adquisición de armamento en Alemaña por parte do exército español. Xa desde o final da Guerra Civil comprouse en Alemaña diverso armamento, pero non foi até chegar a chamada Comisión Extraordinaria para Material de Guerra cando estas adquisicións tomaron verdadeiro auxe. A balanza comercial era favorábel a España e propúxose pagar a diferenza con armamento por parte alemá. A comisión encabezouna inicialmente o capitán de navío Santiago Antón Rozas, pero dado o nivel que estaban a tomar as negociacións foi substituído polo xeneral do Exército de Terra, Carlos Martínez de Campos y Serrano, duque de la Torre. A delegación española desexaba adquirir varios centenares de cazas e bombardeiros, equipos de radio, canóns, metralladoras e carros de combate, entre outros. Finalmente, a cifra ficou reducida a moito menos do que nun inicio pedira España.

Represión interna

[editar | editar a fonte]

En marzo de 1941 a policía franquista detivo en Almería un centenar de persoas. Foron acusadas de pertenceren a unha organización clandestina que axudaba presos antifascistas e que estaba a difundir as noticias que emitía a BBC sobre o desenvolvemento da guerra. Oito delas foron condenadas á morte e fusilados o 11 de agosto de 1942.[17]

Política xudaica

[editar | editar a fonte]
Franco xunto a Heinrich Himmler no Palacio de Oriente durante a visita que fixo a España o líder nazi en 1940.

Tras a derrota de Francia en xuño de 1940 o réxime franquista autorizou o paso rumbo a outros países de acollida, normalmente vía Portugal, a entre 20 000 e 35 000 xudeus, xunto con outros miles de refuxiados. Porén, a partir do outono de 1940 aumentaron as trabas para conceder visados de tránsito. Quen atravesaban a frontera de xeito ilegal eran decote internados no campo de concentración de Miranda de Ebro. Dende alí eran evacuados a outros países grazas sobre todo ao Comité Xudeu Estadounidense de Distribución Conxunta, unha organización xudía dos Estados Unidos que o goberno tolerou que se instalase en Barcelona baixo a tapadeira dunha sucursal da Cruz Vermella portuguesa. Moitos dos refuxiados que entraban ilegalmente foron devoltos a Francia, especialmente se eran capturados preto da fronteira. O caso máis destacado foi o do filósofo xudeu alemán Walter Benjamin, quen ante a perspectiva de ter que volver suicidouse no paso fronteirizo de Portbou.[18]

O réxime ocupouse dos xudeus sefardís residentes en Europa que tiñan pasaporte español, arredor de 4000, aínda que non todos posuían a nacionalidade plena. Con todo, o Ministerio de Asuntos Exteriores comunicou aos cónsules destacados en Francia, onde vivían máis da metade deles, que non se opuxesen á aplicación das leis antisemitas aprobadas polo réxime de Vichy e polos nazis na Francia ocupada. Porén, os cónsules si interviñan cando eses xudeus con pasaporte español eran detidos, con resultado desigual.[19]

O problema agudizouse cando en xaneiro de 1943 a Alemaña nazi deu un ultimato a España e a outros países neutrais para repatriaren os xudeus que tivesen pasaporte español nun prazo de poucos meses. De non facelo, serían enviados ao leste, de onde non poderían volver até o final da guerra. En realidade serían exterminados nos campos de concentración de Polonia, feito do que entón o goberno español xa posuía algunha información. A primeira noticia que tiveron Franco e o goberno franquista do que estaba a pasar cos xudeus na Europa de Hitler foi un informe que en decembro de 1941 elaboraron un grupo de médicos que visitaran Austria e Polonia. Nel falábase do exterminio dos «tolos» e da reclusión dos xudeus en guetos onde morrían de fame e doenzas. Esta información foi corroborada pola División Azul nos despachos que enviou en 1942 nos que tamén se falaba das matanzas de poboación rusa e polaca. Ao final dese ano son os gobernos aliados os que denuncian o «exterminio» dos xudeus. En xullo de 1943 a embaixada española en Berlín informou a Madrid xa claramente de que os xudeus eran enviados aos campos polacos onde eran asasinados. En 1944 a embaixada en Budapest deu detalles máis precisos sobre o campo de exterminio de Auschwitz.[20]

A diferenza do que fixeron Suíza, Suecia ou Portugal, o Goberno español non acolleu os seus xudeus de inmediato. Despois de sopesar as distintas posibilidades, incluída a de deixar que os deportasen ao leste, Franco decidiu que fosen repatriados. Porén, de ningún modo poderían quedar en España, o que supuña considerar vixente o decreto de expulsión dos xudeus de 1492. Ademais, o Goberno español comunicou ao alemán que só aceptaría pequenos grupos sucesivamente. Un grupo non entraría até que o anterior non abandonase o país porque «non podemos afrontar o gravísimo problema de telos en España». Así mesmo, ordenouse aos cónsules que só concedesen o visado de tránsito aos xudeus que demostrasen ter a nacionalidade española e non aos que só tiñan o estatuto de protexido. Iso supuxo deixar fóra 2000 dos 2500 xudeus que estaban en Francia e tiñan pasaporte español. O goberno franquista pediu sucesivas prórrogas, polo que se moitos se salvaron finalmente foi, tanto ou máis que pola actitude do Goberno, pola infinita paciencia que manifestaron as autoridades de Berlín, segundo Álvarez Chillida. En total foron repatriados 800 xudeus españois, a cuarta parte dos que tiñan pasaporte español. Algúns centenares deles pasaron polo campo de concentración de Bergen-Belsen debido ás demoras do Goberno español en concederlles o visado de tránsito.[21]

África Occidental Española

O Goberno español reiterou a orde aos cónsules de España en Alemaña e nos países ocupados ou satélites do Eixe de non concederen visados de tránsito aos xudeus que o solicitasen, agás se acreditaban «con documentación completa satisfactoria [a] nacionalidade» española.[22] Con todo, a maioría dos diplomáticos españois omitiron esta orde e atenderon os xudeus, especialmente os sefardís que se presentaban nos consulados alegando o estatuto de protexidos. Porén, este xa non tiña vixencia e o prazo para obter a nacionalidade expirara o 31 de decembro de 1930. Os cónsules sabían que os sefardís, como os outros xudeus, corrían perigo de morte se caían en mans da policía alemá. Ante esta dramática situación, o corpo diplomático español en toda Europa tivo un comportamento exemplar. Fixo todo o que estivo no seu alcance para aliviar a sorte dos xudeus, sefardís ou non, con ou sen nacionalidade española. Os nomes daqueles diplomáticos que, de xeito espontáneo, ás veces contra as instrucións que recibían do seu goberno, fixeron canto estivo no seu poder para salvar persoas e familias en perigo de morte foron, entre outros, Bernardo Roldán, Eduardo Gasset e Sebastián Romero Radigales, (cónsules en París e Atenas), Julio Palencia Álvarez e Ángel Sanz Briz (encargados de negocios en Bulgaria e Hungría), Ginés Vidal, embaixador en Berlín, e o seu colaborador Federico Oliván. Contaron con moitos outros funcionarios de rango inferior que os axudaron nesta tarefa.[23]

Placa en memoria de Ángel Sanz Briz na parede da Embaixada de España en Budapest.

Sen dúbida a acción de salvamento de xudeus máis importante foi a que levou a cabo o secretario da embaixada española en Budapest, Ángel Sanz Briz. A principios de 1944 a Alemaña nazi ocupou Hungría e comezou a deportar aos campos de exterminio o millón de xudeus que vivían alí. O feito levantou as protestas do rei de Suecia e do papa Pío XII, ás que non se sumou Franco, malia a presión que recibiu dos gobernos aliados. A comunidade xudía de Tánxer, cidade marroquí ocupada desde 1940 polo exército español, solicitou en maio de 1944 ao goberno de Madrid que concedese visado a 500 nenos xudeus de Hungría para poderen viaxar alí, onde serían acollidos polas familias xudías da cidade. Os gastos pagaríaos a Cruz Vermella Internacional. Segundo Álvarez Chillida, España aceptou a petición, preocupándose de dala a coñecer aos Gobernos e as opinións dos aliados, xa claramente vencedores na contenda. Como Alemaña non os deixou saír, os 500 nenos ficaron baixo a protección da embaixada española por iniciativa de Sanz Briz, e os gastos asumiunos a Cruz Vermella Internacional.[24]

En xuño de 1944 o embaixador Ángel de Muguiro deixou Budapest e fíxose cargo da legación española en Hungría Sanz Briz, co título de encargado de negocios. Briz comezou inmediatamente, xunto co seu axudante, o italiano Giorgio Perlasca, a conceder visados e pasaportes españois a miles de xudeus. Grazas a estes documentos 1648 deles puideron saír de Hungría e atopar refuxio en Suíza. Outros foron aloxados por Sanz Briz e Perlasca en 8 pisos alugados, alleos á legación de España, polo que gozaban do privilexio da extraterritorialidade, tal como figuraba na porta de cada un deles. Os gastos asumiunos a Cruz Vermella Internacional.[25] O goberno de Israel outorgoulle a Perlasca o título de Xusto entre as Nacións en 1987, cinco anos antes da súa morte.

Asimismo, Sanz Briz ocupouse, como fixera o ano anterior a embaixada de España en Berlín, de informar o goberno de Madrid do exterminio dos xudeus nos campos grazas ao testemuño de dous xudeus que escaparan de Auschwitz. En outubro de 1944 Sanz Briz ideou unha estrataxema para salvar máis xudeus. Conseguiu que o Goberno húngaro o autorizase a proporcionar 200 pasaportes a supostos sefardís de orixe española. El converteunos en pasaportes familiares, xa que cada un incluía unha familia enteira. Ademais, concedeu moitos máis pasaportes dos 200 autorizados simplemente numerándoos sempre por debaixo do 200. Desa forma salvou moitos xudeus «españois».[26]

En novembro de 1944, co Exército Vermello xa moi preto de Budapest, Sanz Briz tivo que abandonar a embaixada e trasladouse a Suíza. Perlasca continuou co labor humanitario na capital húngara até o 16 de xaneiro de 1945, día en que as tropas soviéticas entraron na cidade. Segundo Pérez, uns 5500 xudeus salvaron a vida grazas ás xestións de Sanz Briz e Perlasca, aínda que Álvarez Chillida rebaixa a cifra a 3500.[27] En 1991 Israel nomeou a Sanz Briz Xusto entre as Nacións a título póstumo, xa que morrera en 1980.[28]

A diferenza do que sucedeu con outras accións humanitarias de diplomáticos españois, a de Sanz Briz contou coa aprobación do goberno español. Segundo Pérez, iso explícase polo momento en que se produciu, a finais de 1944, cando non era difícil prever a derrota de Hitler.

«A actitude de Sanz Briz servía de coartada ao réxime de Franco nos seus esforzos para convencer os aliados que xa non tiña nada de común co Terceiro Reich. Ademais, por aquelas datas era demasiado tarde para que os xudeus húngaros puidesen ser trasladados a España. Por se a algún se lle ocorría tentalo unha vez acabada a guerra, utilizando os seus documentos de protección, o novo ministro de Exteriores, Alberto Martín Artajo, enviou dúas circulares aos cónsules, o 24 de xullo e o 10 de outubro de 1945, ordenándolles anular a súa validez para todos os efectos».[29]

O mesmo punto de vista compárteo Álvarez Chillida, quen engade:

«o custo da operación era mínimo: o papel, a tinta e o tempo empregado en redactar os documentos de protección. O Goberno sabía que non podían entrar en España e o sostemento era por conta allea. E as ganancias en propaganda ante os aliados eran cuantiosas».[27]

Pérez afirma que se puideron salvar máis xudeus se o Goberno español se mostrase máis xeneroso, aceptando as suxestións dos seus cónsules na Europa ocupada polos nazis. Engade:

«Até 1943 Madrid non quixo complicacións con Alemaña e mesmo despois daquela data se prestou a colaborar con axentes nazis. [...] con todo, o balance global é máis ben favorable ao réxime: non salvou todos os xudeus que pedían axuda, pero salvou moitos. Así e todo, é moi esaxerado falar, como fan algúns autores, da xudeofilia de Franco».[30]

A valoración de Pérez non é plenamente compartida por Álvarez Chillida. Segundo este, os xudeus tiñan permitido transitar por España precisamente porque se trataba de tránsito, sostido economicamente, ademais, polos aliados e diversas organizacións humanitarias. Porén, había que impedir por todos os medios que permanecesen no país, como se ordenou reiteradamente desde El Pardo. Por iso o maior problema eran os 4000 xudeus españois, que a Alemaña nazi estaba disposta a respectar sempre que fosen repatriados por España. Aínda que o problema se expuxo cando o Goberno comezou a coñecer a realidade do exterminio xudeu, Franco mantivo inalterado o seu criterio de que eses cidadáns españois, por seren xudeus, tampouco podían permanecer no seu propio país. Foi máis complexo convencer os aliados da súa evacuación. Houbo moitas dilacións que a Alemaña nazi aceptou, e, finalmente, o réxime salvou menos da cuarta parte.

Unha vez derrotada Alemaña, o ministerio de Asuntos Exteriores ordenou que se considerasen plenamente nulos todos os documentos de protección outorgados durante a guerra. Só aqueles xudeus que demostrasen posuír a cidadanía española en toda regra serían axudados a regresar aos seus antigos fogares, pero baixo ningún pretexto poderían entrar en España. Moitos xudeus que se salvaran a través de España gardan un lóxico recordo de agradecemento cara a Franco. Porén, quen foron devoltos a Francia ou abandonados por non recoñecérselles a nacionalidade na súa inmensa maioría non puideron gardar agradecemento algún.[31]

En 1949, nun momento en que o réxime padecía o illamento internacional, a propaganda franquista inventou o mito do «Franco salvador dos xudeus», especialmente dos sefardís. Isto permitiu acusar o recentemente creado estado de Israel de ingratitude, xa que viña de rexeitar o estabelecemento de relacións diplomáticas con España e votara na ONU en contra do levantamento das sancións contra o réxime. Para Israel, Franco seguía sendo o aliado de Hitler.[32] Para difundir o mito elaborouse un folleto traducido ao francés e ao inglés. Como sinala Álvarez Chillida, o éxito da campaña foi tan grande, especialmente no mundo xudeu, que as súas secuelas chegaron até a actualidade.[33]

A campaña estaba dirixida unicamente ao exterior, pois no interior de España apenas se entendía de que salvación se trataba. O Holocausto, e sobre todo as imaxes do mesmo, foi un tema tabú censurado até a morte do ditador.[34]

Refuxio de criminais de guerra

[editar | editar a fonte]
Caricatura que mostra a Franco orientando os xerarcas nazis para recolocárense en América do Sur tras a súa derrota na segunda guerra mundial, obra do deseñador Arthur Szyk

Despois da guerra o franquismo mostrouse hospitalario con exfuncionarios, membros e colaboradores do Terceiro Reich que buscaban refuxio en España, en particular con algúns dos responsábeis da deportación e o exterminio dos xudeus. O estado español axudou a fuxir a miles de xerarcas e colaboracionistas nazis, deu asilo de facto a criminais como Maks Luburić e a algúns até a nacionalidade española, como a Léon Degrelle.[35] Con todo, cedendo á presión internacional, o goberno franquista entregou varios aos Estados Unidos para o seu posterior xuízo.[36] A maioría dos reclamados polos aliados foron protexidos ou escondidos, algúns directamente por Franco ou Carrero Blanco.[37]

Hoxe en día crese que arredor de 40 000 nazis de toda Europa Occidental se refuxiaron en España cando acabou a guerra. Outros utilizaron España como país de tránsito cara á Arxentina de Perón mediante a organización ODESSA. Tamén se calcula que os nazis deixaron en España bens materiais valorados entre 1 e 2 mil millóns de pesetas do mercado actual. A isto hai que engadir o valor dun feixe de holdings, empresas de seguros, bancos, industrias químicas e eléctricas, mineiras e agrícolas ou navieiras, entre outras.

Españois no bando aliado

[editar | editar a fonte]
Memorial dos nenos de españois inmigrantes en Plaine Saint Denis (Francia) de quen loitaron na Guerra Civil e na Resistencia Francesa
Os españois republicanos e antifascistas prisioneiros en Mauthausen despregan unha pancarta para saudaren os aliados

Combatentes coas potencias aliadas occidentais

[editar | editar a fonte]

Os excombatentes republicanos da guerra civil que se exiliaron en Europa tamén combateron o nazismo. Fixérono principalmente na defensa dos Países Baixos ou como guerrilleiros da Francia libre ou en unidades regulares como La Nueve, unha compañía da 2ª División Blindada francesa, que foi a primeira tropa en entrar na cidade durante a Liberación de París. Mesmo unha unidade de españois participou no desembarco de Normandía integrados en rexementos da Lexión Estranxeira Francesa ou a Spanish Company Number One do Exército Británico. O axente dobre Joan Pujol García (nome en clave Garbo) tamén traballou para a causa aliada.

Franco non mostrou interese en recibir en España os devanditos combatentes como prisioneiros de guerra, e permitiu a Hitler a súa encarcelación en campos de concentración.[38]

En agosto de 1944 moitos guerrilleiros españois participaron na liberación do territorio francés coa idea de a continuación invadiren España para derrocar o réxime de Franco.[39] En outubro a antifranquista Unión Nacional Española lanzou desde Francia a invasión do Val de Arán, primeira etapa da Operación Reconquista de España. Con todo, o exército franquista repeleu os guerrilleiros causando fortes baixas.

Uns 16 millóns de persoas foron recrutadas ao longo do conflito nos Estados Unidos. Este alistamento era obrigatorio, sen discriminación entre cidadán e non cidadán, senón entre útil e non útil para o servizo militar. Uns 300 000 inmigrantes, residentes no país, foron recrutados polas diversas ramas das forzas armadas, incluíndo a Mariña Mercante. Ao comezo da contenda 1 de cada 11 era de orixe estranxeira. Uns 1390 españois serviron no Exército estadounidense, dos que 1196 naceran en España, incluíndo o Protectorado de Marrocos. Destes 1196, dúas eran mulleres e foron destinadas ao Corpo de Exército de Mulleres que se creou en 1942.[40]

Tamén cómpre mencionar o Batallón Gernika, formado por combatentes vascos, e o Batallón Liberdade, formado por combatentes anarquistas e socialistas.[41]

Combatentes na Unión Soviética

[editar | editar a fonte]

En Europa Oriental a Unión Soviética recibiu exlíderes españois comunistas e nenos evacuados de familias republicanas. Cando Alemaña invadiu a URSS en 1941 moitos, como o xeneral comunista Enrique Líster ou Rubén Ruiz Ibárruri (o fillo da Pasionaria, quen morreu en combate durante a batalla de Stalingrado) uníronse ao Exército Vermello. Polo menos 700 españois alistáronse voluntarios no Exército Vermello para combater os nazis e outros 700 actuaron como partisanos detrás das liñas alemás.[42] Preto de 300 voluntarios españois perderon a vida ou desapareceron en combate.[43]

Plans e operacións militares en territorio español

[editar | editar a fonte]

Plans militares de Franco

[editar | editar a fonte]

As forzas armadas españolas fixeron plans para defender o país de ataques de calquera dos contendentes. Ao principio a masa do Exército español foi colocada na parte do sur do país para previr un eventual ataque aliado e fortificouse a zona da baía de Alxeciras.

A partir de finais de 1942, cando se fixo claro que os aliados gañarían o conflito, Franco desprazou tropas á fronteira francesa. Recibiu aseguramentos persoais dos líderes de países aliados de que eles non desexaban invadir España, sobre todo cando as tropas estadounidenses desembarcaron no Marrocos francés. Aínda que os soldados alemáns estaban ben preparados, a experiencia recente de combate do exército franquista na Guerra Civil e o terreo accidentado do norte de España presentaron un obstáculo significativo a calquera gran invasión do Eixe.

Plans alemáns en España

[editar | editar a fonte]
Despregamento de tropas previsto polo Alto Mando Alemán na Península Ibérica para a Operación Félix e posible resposta aliada
Canón de defensa costeira no cume de Xibraltar. Franco quería tomar Xibraltar e negociou con Hitler a súa conquista, pero a operación nunca chegou a realizarse

Xa antes da entrevista de Hendaia houbo un plan hispano-alemán para un ataque por parte de tropas españolas equipadas con armamento alemán sobre o territorio británico de Xibraltar. A base militar británica tiña suma importancia para o control da saída occidental de Mediterráneo e as vías marítimas á canle de Suez e Oriente Medio, así como para patrullar o océano Atlántico. Alemaña tamén apreciaba a importancia estratéxica do noroeste de África para instalar bases militares e como plataforma para cortar calquera futura participación bélica dos Estados Unidos. Por tanto, os proxectos nazis incluían a ocupación da rexión en cantidade suficiente para previr calquera tentativa de invasión aliada.

O 12 de novembro de 1940 Hitler ordenou o inicio dos preparativos da Operación Félix. Tratábase da Directiva nº 18, que estabelecía as «medidas políticas para inducir a pronta entrada de España na guerra». O obxectivo «da intervención alemá na Península Ibérica (chamada Félix) era expulsar os ingleses do Mediterráneo Occidental». Tamén mencionaba a posíbel invasión de Portugal (aliado histórico do Reino Unido) e a posíbel ocupación dos Azores e Madeira. O plan prevía que dous corpos de exército alemáns entrasen en España polos Pireneos.

O 7 de decembro de 1940 o almirante alemán Wilhelm Canaris transmitiu a Franco a petición de Hitler de que o 10 de xaneiro de 1941 permitise o paso por territorio español das divisións nazis que ían atacar Xibraltar. Porén, o ditador español non deu o seu acordo. Ao seu regreso a Alemaña Canaris informou de que Franco lle explicou que «España podía entrar en guerra soamente no momento en que Inglaterra estivese ao bordo do colapso». En febreiro de 1941 o OKW (alto mando alemán) anunciou que a Operación Félix ficaba cancelada polo momento. Así, as tropas incluídas na operación quedaban libres para seren utilizadas en calquera outra área de operacións.

A estas alturas os recursos militares nazis estaban a ser destinados á operación Barbarossa para invadir a URSS. Por petición de Hitler, en 1941 o OKW trazou plans para unha nova operación, Félix-Heinrich, similar á Operación Félix, pero con unidades diferentes. Sería levada a cabo unha vez se alcanzasen certos obxectivos en Rusia. Conforme a guerra se foi desenvolvendo en contra do Eixe, as tropas nazis pasaron a planificar varias operacións militares, non para conquistaren, Xibraltar senón para rexeitaren un posíbel ataque aliado por España. Houbo tres proxectos sucesivos, cada vez menos agresivos segundo a capacidade alemá diminuía:

  • Operación Isabella: O esquema foi planificado en abril de 1941 como unha reacción alemá a un hipotético desembarco británico na Península ibérica. Tropas alemás entrarían masivamente en España para apoiar a Franco e expulsar o Reino Unido.
  • Operación Ilona ou Gisela: Unha versión reducida da anterior, posteriormente rebautizada como «Gisela», foi planeada en maio de 1942. Sería levada a cabo se realmente a neutralidade de España non se cumpría, ben porque Franco se puxese do lado aliado ou se o réxime franquista era derrocado por militares antinazis. Dez divisións alemás avanzarían entón cara Barcelona e logo, se for necesario, cara Salamanca.
  • Operación Nurnberg: Elaborada en xuño de 1943, era máis ben un plan de continxencia se se daba o caso de que os aliados desembarcasen en España e Portugal. O plan consistía nunha estratexia puramente defensiva nos Pireneos. Para entón as forzas asignadas á Operación Nurnberg eran só dous rexementos reforzados do exército nazi, forzas sen posibilidades serias de rexeitar unha invasión aliada.

Plan británico de invasión de Canarias

[editar | editar a fonte]

Temendo a adhesión de España ás Potencias do Eixe, o Reino Unido desenvolveu un plan de invasión das illas Canarias, que eran facilmente conquistábeis. O seu nome en clave era operación Pilgrim (Peregrino). A ofensiva comezaría con ataques ao porto e ao aeroporto de Gran Canaria. A continuación produciríase un desembarco probabelmente preto de Telde, punto estratéxico clave de todo o arquipélago. O Reino Unido tamén contemplou levar tropas a bordo dun buque civil que atracase no porto o día anterior para as tropas tomaren o porto por sorpresa. O plan incluía a lista de unidades que participarían na invasión, entre as que había tropas canadenses.[44]

O plan de defensa de Gran Canaria incluía a construción de baterías de artillaría e de estradas no interior da illa. Alemaña, que levaba anos preocupada por unha posíbel conquista das Canarias polas tropas aliadas, prestou asesoramento para a defensa.[44]

Operación Backbone

[editar | editar a fonte]
Mapa da situación militar en Europa en xaneiro de 1942

A operación Backbone («espiña dorsal») foi un plan deseñado polos aliados en 1942 para invadir España se esta entraba na contenda a favor das potencias do Eixe ou era invadida por elas.

O obxectivo principal era preservar o control británico de Xibraltar e o seu estreito. Os aliados planeaban unha ocupación militar do sur de España até a barreira natural de Serra Morena, así como o protectorado de Marrocos, para dominar e protexer o estreito de Xibraltar e asegurar o éxito dos desembarcos aliados no norte de África, controlado pola Francia de Vichy.

O ataque, deseñado principalmente polo Reino Unido, comezaría se as tropas nazis cruzasen os Pireneos.[45] A intelixencia británica estimaba que o exército español, mal equipado, podería mobilizar uns 135.000 soldados, 200 carros de combate anticuados e unha mariña e aviación insuficientes e igualmente atrasadas. Os aliados concibiran unha primeira fase de tres accións simultáneas:

  • Toma de Tánxer y Tetuán avanzando cara ao norte, dende o Marrocos francés, por Uezán e Ksar El Kebir (se se demostraba que podía utilizarse esta estrada), con forte cobertura aérea.
  • Toma de Ceuta para eliminar os seus oito canóns de costa,[46] desembarcando 20 km ao sur e, de ser posíbel, lanzando paracaidistas tamén ao sur, mentres bombardeaban intensamente a cidade.
  • Toma de Melilla e do seu aeroporto dende o leste.

Incidentes aéreos

[editar | editar a fonte]

Decenas de avións tanto do Eixe como dos aliados aterraron ou se estrelaron en territorio español ao longo da guerra. As tripulacións e aparellos sobreviventes foron internados até o final da guerra, segundo o estabelecido no dereito internacional. O goberno español comprou uns poucos destes avións para as súas forzas aéreas ou para a aeroliña Iberia. Ademais, ao longo da guerra tiveron lugar incidentes que implicaron directamente avións españois e mesmo o bombardeo dunha cidade española.

O 18 de decembro de 1939 un destrutor británico derrubou sobre Alxeciras un Ju-52 M-CABA de Iberia que realizaba o traxecto Sevilla-Tetuán. Pouco despois, un avión británico foi derrubado pola artillaría antiaérea española sobre Tarifa.

A finais de 1940 cazas da Royal Navy británica derrubaron un avión militar español Savoia-Marchetti S.M.79 preto das Baleares. Morreron os cinco tripulantes. O aparello achegouse ao portaavións británico <i>Ark Royal</i> e o Reino Unido alegou confundilo cun avión italiano.

O 5 de febreiro de 1941 un Junkers Ju 52 español procedente de Sidi Ifni foi atacado por dous cazas franceses sobre o mar, a 30 km de Casablanca. O aparello tivo que aterrar en Rabat.

A madrugada do 11 ao 12 de xullo de 1941 tivo lugar o bombardeo de La Línea de la Concepción. Un Savoia-Marchetti S.M.82 italiano que tentaba atacar Xibraltar soltou por erro tres bombas na veciña localidade española de La Línea. Dúas bombas caeron na praia de Poniente e non estouparon. Porén, a terceira caeu en plena cidade e destruíu 3 vivendas, matou 5 persoas e feriu outras moitas. Ademais, a explosión afectou o tendido eléctrico e deixou a cidade sen luz. Malia a protesta oficial española ante os representantes de Mussolini, o S.M.82 reapareceu na baía de Alxeciras as tres noites seguintes. Ao ser recibido con lume antiaéreo polas baterías españolas, deixou caer novas bombas na zona de Campamento.[47]

Coa invasión aliada do norte de África en 1943, as violacións do espazo aéreo español convertéronse en diarias. O 3 de marzo o tenente Miguel Entrena recibiu a orde de interceptar co seu He-112B unha formación de Lockheed P-38 do 37th Fighter Squadron (14th Fighter Group) que sobrevoaba Nador, no Protectorado Español de Marrocos. Un dos avións foi alcanzado e viuse obrigado a aterrar de emerxencia xunto ao río Muluya, pero non chegou a estrelarse. O día seguinte os pilotos españois recibiron instrucións precisas de non responderen ningunha provocación dos aliados. Ese mesmo día cazas estadounidenses en varias formacións desafiaron os militares españois sobrevoando agresivamente o aeródromo de Nador.

Nas illas Canarias producíronse tamén violacións frecuentes do espazo aéreo español por parte de avións aliados. Os cazas españois interceptaban os aliados e, ao non disporen de radio, disparaban refachos de aviso ás veces interpretadas como ataques polos avións aliados, que contestaban disparando. O 28 de outubro de 1943 un Fiat CR.32 español recibiu deste xeito impactos dun Catalina e tivo que regresar á base. Días máis tarde dous Lockheed Pv-1 Ventura, pertencentes ao VP-73 da US Navy, dispararon contra un Fiat CR.32, ao que superaban en velocidade e armamento, do 29 Grupo de Caza de Gando, sobre Gran Canaria. Non o derrubaron, malia que o Fiat non podía defenderse ao trabárselle as súas metralladoras. O 1 de novembro un Fiat CR.32 pilotado polo tenente Ferrer foi atacado por un Catalina da US Navy (escuadrón VBP-73), que respondeu con 40 impactos sobre o avión estadounidense. Feriu 3 dos seus tripulantes e provocou graves danos nun motor, no tren de aterraxe e nun tanque de combustíbel. O Catalina logrou chegar a Marrocos e afundiuse tras realizar unha amaraxe de emerxencia en Agadir.

A partir de marzo de 1944 os Fiat CR.32 da base canaria de Gando deixaron practicamente de voar debido á escaseza de combustíbel. Algúns meses despois do desembarco de Normandía, en 1944, avións do Air Transport Command estadounidense foron autorizados para encher os depósitos en territorio español, mesmo en aeródromos próximos a Madrid.

Incidentes navais

[editar | editar a fonte]

Na Guinea española, na cidade de Santa Isabel da illa de Fernando Pó, a noite do 14 ao 15 de xaneiro de 1942 tivo lugar unha batalla entre un comando británico e buques das Forzas do Eixe que estaban refuxiados alí.[48] O ataque tiña o nome en clave de Operación Postmaster. O comando logrou sacar os buques capturados do porto, pero estes alertaron as forzas españolas alí destacadas. O ataque foi visto desde España como unha declaración de guerra por parte do Reino Unido.[49]

Outro incidente naval ocorreu o 2 de maio de 1942. Un submarino alemán avariado, o U-573, chegou a Cartaxena, e o goberno español concedeu un período de tres meses para reparalo. Aquilo provocou as protestas dos aliados, xa que violaba as normas internacionais sobre internamento. Con todo, ante a imposibilidade de reparar o submarino dentro do tempo marcado, a súa dotación procedeu a destruír a documentación e parte dos equipos de a bordo. Tras iso, o U-573 foi internado e os seus tripulantes repatriados a Alemaña as semanas seguintes. A Armada española comprou o submarino por 1 500 000 reichsmarks.

Operación Mincemeat (Carne Picada)

[editar | editar a fonte]

A situación de colaboración do réxime franquista cos axentes do Eixe, principalmente alemáns, en España era de coñecemento público. Esta colaboración permitiu ao Reino Unido efectuar a operación Mincemeat («carne picada»), unha argucia para enganar a Alemaña sobre o obxectivo real do desembarco que planeaban en Sicilia con pouca oposición alemá en 1943. A operación, levada a cabo nas costas de Huelva, foi popularizada tras a guerra pola novela The Man Who Never Was, posteriormente levada ao cinema.

Invasión do Val de Arán

[editar | editar a fonte]

A invasión do Val de Arán, denominada en clave Operación Reconquista de España, foi un intento da Unión Nacional Española (UNE) en 1944 de estabelecer un goberno provisional da República presidido por Juan Negrín, no Val de Arán. Realizaríase mediante un ataque dun grupo de guerrilleiros españois, agrupación bautizada como Reconquista de España, que colaboraban coa resistencia francesa no exilio. A invasión iniciouse no Val de Arán, no norte da provincia de Lleida.

O goberno franquista previra unha posíbel invasión aliada desde Francia. Así, encargara a defensa da fronteira dos Pireneos a Rafael García Valiño, xefe do Estado Maior do Exército e veterano da guerra civil española. Estaba dirixida polos xenerais José Moscardó e Juan Yagüe, quen contaban cuns 50 000 efectivos.

A chamada Operación Reconquista de España acabou coa derrota dos guerrilleiros debido á súa grave inferioridade numérica e á escaseza de armamento pesado por parte deles. Finaron 588 membros do maquis e 248 soldados do exército franquista.[50]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Ditadura de Francisco Franco.
Caricatura do debuxante estadounidense John F. Knott (1945) no que aparece Franco coa esvástica nazi ameazado pola súa colaboración coas potencias do Eixe durante a Segunda Guerra Mundial, como as declaracións a favor da vitoria da Alemaña nazi ou o envío da División Azul á fronte rusa
Franco xunto ao Presidente estadounidense Eisenhower en 1959. Apenas pasaran 14 anos despois do conflito, e Eisenhower, quen foi xeneral estadounidense na Segunda Guerra Mundial, recuperou a Franco como aliado para o seu novo conflito coa URSS

Rematada a guerra, Franco reparou en que as principais potencias gañadoras consideraban o seu réxime un apéndice dos gobernos fascistas e nazis derrotados. A situación pronunciouse máis tras a creación da ONU e a recomendación formal en 1946 de retirar os embaixadores por parte dos membros da antedita organización.

Produciuse o fenómeno coñecido como isolacionismo. Prolongouse e agudizouse en España o impacto económico da posguerra civil, da que o país non se recuperou até ben entrada a década de 1950. Eses anos, en plena Guerra Fría, Estados Unidos decidiu que necesitaba bases militares en España. Pasou a considerar o réxime franquista como un «mal menor» e asinou os Pactos de Madrid de 1953. O 14 de decembro de 1955 permitiuse finalmente a entrada de España na ONU. En 1959 o goberno aprobou o Plan de Estabilización, un conxunto de medidas económicas co obxectivo de estabilizar e liberalizar a economía española. O Plan supuxo a ruptura coa política de autarquía do franquismo e posibilitou o inicio dunha época de crecemento económico no país durante a década de 1960.

  1. 1 2 "BUCKER Bü 131 JUNGMANN". Aeroteca (en castelán).
  2. ↑ "La pequeña historia de dos grandes aviones: Bücker Bü-131 y Bü-133". Defensa (en castelán).
  3. ↑ Haufschild and Schneider Air-Britain Archive Winter 2017, p. 153–154
  4. 1 2 "Clio". [Ligazón morta]
  5. ↑ Osmańczyk, Edmund Jan (2003). Encyclopedia of the United Nations and International Agreements. Taylor and Francis. ISBN 9780415939225.
  6. ↑ Ferrer Guasp 2004: 446
  7. ↑ Ferrer, Pere (2008). Juan March: El hombre más misterioso del mundo (en castelán). Zeta. ISBN 9788498723922.
  8. ↑ "EE.UU. celebró ayer el aniversario de un ataque por el cual Franco felicitó al Emperador Hiro Hito". ABC (en castelán). 7 de decembro de 2001. Consultado o 22 de setembro de 2026.
  9. ↑ "Cuando España celebró el ataque a Pearl Harbor". Al Día (en castelán). 16 de marzo de 2022. Consultado o 22 de setembro de 2026.
  10. ↑ Rámila, Iván. "Españoles en la Segunda Guerra Mundial". Historia de Iberia Vieja (45): 60–67.
  11. ↑ Rodao García, Florentino (2002). Franco y el imperio japonés. Imágenes y propaganda en tiempos de guerra (en castelán). Plaza & Janés. ISBN 8401530547.
  12. ↑ Álvarez Chillida 2002: 414
  13. ↑ (Álvarez Chillida 2002)
  14. ↑ (Álvarez Chillida 2002)
  15. ↑ (Álvarez Chillida 2002, pp. 418–420)
  16. ↑ Rodríguez Jiménez, José Luis (2009). "Ni División Azul, ni División Española de Voluntarios: El personal forzado en el cuerpo expedicionario enviado por Franco a la URSS". Cuadernos de Historia Contemporánea (en castelán) 31: 265–296.
  17. ↑ "Los crímenes de la represión franquista. El caso del Parte Inglés". Diario de Almería (en castelán). 5 de xullo de 2010. Consultado o 25 de setembro de 2026.
  18. ↑ (Álvarez Chillida 2007)
  19. ↑ (Álvarez Chillida 2007)
  20. ↑ (Álvarez Chillida 2007)
  21. ↑ (Álvarez Chillida 2007)
  22. ↑ (Pérez 2009, p. 325)
  23. ↑ (Pérez 2009)
  24. ↑ (Álvarez Chillida 2007)
  25. ↑ (Álvarez Chillida 2007)
  26. ↑ (Pérez 2009)
  27. 1 2 (Álvarez Chillida 2007, p. 203)
  28. ↑ (Pérez 2009)
  29. ↑ (Pérez 2009, p. 331)
  30. ↑ (Pérez 2009)
  31. ↑ (Álvarez Chillida 2007)
  32. ↑ (Pérez 2009, p. 336)
  33. ↑ (Pérez 2009)
  34. ↑ (Álvarez Chillida 2007, p. 204)
  35. ↑ "Los criminales y jerarcas nazis que vivieron un 'retiro dorado' tras eludir a la justicia". 20 Minutos (en castelán). 3 de marzo de 2009. Consultado o 25 de setembro de 2026.
  36. ↑ Rámila, Janire (2007). ".". Historia de Iberia Vieja (en castelán) (49): 28–36.
  37. ↑ (Álvarez Chillida 2002, p. 418)
  38. ↑ "Y Hitler le hizo el trabajo sucio a Franco: 5.000 españoles fueron torturados, gaseados o enterrados vivos en Mauthausen". La Sexta (en castelán). 27 de xaneiro de 2019. Consultado o 26 de setembro de 2026.
  39. ↑ Herrero, F. Javier (8 de decembro de 2018). "Cuando los Pirineos fueron la frontera salvaje". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 26 de setembro de 2026.
  40. ↑ "Españoles contra Hitler. Al servicio del Ejército de Estados Unidos". elDiario.es (en castelán). 11 de setembro de 2020. Consultado o 26 de setembro de 2026.
  41. ↑ "Batallón Gernika". Fighting Basques (en castelán).
  42. ↑ Beevor, Antony (2006). The Battle for Spain. The Spanish Civil War, 1936–1939 (en inglés). Weidenfeld & Nicolson. ISBN 9780753821657.
  43. ↑ "La Cuarta Compañía, los españoles que defendieron la URSS". El Reto Histórico (en castelán). 2018-03-13.
  44. 1 2 Peñate, Cristóbal D. (11 de novembro de 2017). "Operación Pilgrim: cuando los británicos estuvieron a punto de invadir Gran Canaria". elDiario.es (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2026.
  45. ↑ Díaz Villanueva, Fernando (9 de xuño de 2010). "El plan de Churchill para invadir España". Libertad Digital (en castelán). Consultado o 26 de setembro de 2026.
  46. ↑ "El Día D pudo ser en Andalucía". El Correo (en castelán). 11 de agosto de 2018. Consultado o 26 de setembro de 2026.
  47. ↑ de Molina Bautista, José Manuel. «Bombardeo de La Línea durante la II Guerra Mundial: un trágico error de los italianos en su ataque a Gibraltar». Andalucía ADN.
  48. ↑ "Contra el poder de Hitler". El País (en castelán). 10 de novembro de 2004. Consultado o 26 de setembro de 2026.
  49. ↑ "1942:Piratas Ingleses en Guinea. Operación Postmaster : Segunda Guerra Mundial". Odysa Forces: AirSoft Friends Group (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 6 de setembro de 2011. Consultado o 26 de setembro de 2026.
  50. ↑ Juliá 2005: 373

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografia

[editar | editar a fonte]
  • Glantz, David M. (2002). La batalla por Leningrado; 900 días asediado por la Wehrmacht (en castelán). Desperta Ferro. ISBN 9788494649974. 
  • Caballero Jurado, Carlos (2004). "Morir en Rusia: La División Azul en la batalla de Krasny Bor". Vol. 7. ISBN 978-8496016330. 
  • Clodfelter, M. (2017). Warfare and Armed Conflicts: A Statistical Encyclopedia of Casualty and Other Figures, 1492-2015 (4th ed.). Jefferson, North Carolina: McFarland. ISBN 978-0786474707. 
  • Álvarez Chillida, Gonzalo (2007). "La eclosión del antisemitismo español: de la II República al Holocausto". En Álvarez Chillida, Gonzalo; Izquierdo Benito, Ricardo. El antisemitismo en España (en castelán). Cuenca: Ediciones de la Universidad de Castilla-La Mancha. ISBN 9788484274711. 
  • Pérez, Joseph (2009). Los judíos en España (en castelán). Madrid: Marcial Pons. ISBN 8496467031. 
  • IV Congreso de Historia de Defensa, "Fuerzas armadas y policiales durante el Franquismo: El ejército español en 1940, pág. 51"
  • Rodrigo Fernández, Rafael "El Ejército español en 1940", en Puell de la Villa, Fernando y Alda Mejías, Sonia (Eds.). Los Ejércitos del Franquismo (1939-1975). Instituto Universitario Gutiérrez Mellado: Madrid, 2010. Vol. II: Pgs. 51 a 76.
  • O Correo Catalán, 5 de setembro de 1939
  • "The Avalon Project at Yale Law School: The Spanish Government and the Axis"
  • "Reivindicacións de España", de Fernando María Castiella e José María de Areilza, Instituto de Estudos Políticos, Madrid 1941.
  • "As relacións políticas, económicas e culturais entre España e os Estados Unidos nos séculos XIX e XX", de Antonio Ñíguez Bernal.
  • Clua Méndez, José Manuel. Cuando Franco fortificó los Pirineos, La Línea P en Aragón: Generalidades / La Jacetania. 2004. Editorial Katia. Zaragoza.
  • Clua Méndez, José Manuel. Cuando Franco fortificó los Pirineos, La Línea P en Aragón: La Ribagorza y Sobrarbe. 2007. Editorial Katia. Zaragoza.
  • Moradiellos, Enrique (2011). "Franco y la Segunda Guerra Mundial". Revista de Libros. 
  • Rodrigo Fernández, Rafael "El Ejército español en 1940", en Puell de la Villa, Fernando y Alda Mejías, Sonia (Eds.). Los Ejércitos del Franquismo (1939-1975). Instituto Universitario Gutiérrez Mellado: Madrid, 2010. Vol. II: Pgs. 51 a 76. }}
  • Suárez Fernández, Luis (2011). Franco. Los años decisivos. 1931-1945 (en castelán). Barcelona: Ariel. ISBN 9788434413320. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]