A historia do poema e do seu autor está ligado ao fenómeno das goguettes, que consistía na xuntanza dun pequeno grupo de persoas para cantar e que está na base das sociedades carnavalescas. En 1883 Pottier presentou unha canción a un concurso de goguettes e logrou a medalla de prata pero máis importante foi o seu encontro ccon Gustave Nadaud que lle permitiu publicar escolmas de cancións e de poemas en 1884 e de novo por iniciativa de Nadaud publicou en 1887Chants révolutionnaires con limiar de Henri Rochefort[2] na que incluíu L'Internationale.
Pierre Degeyter púxolle música en 1888 (orixinalmente cantábase coa música de La Marseillaise). A Internacional traduciuse en numerosas linguas e o texto evolucionou no transcurso do tempo e das organizacións que o adoptaron. Por exemplo a miúdo a palabra "rei" substituíuse pola palabra "estado".
Dende a metade do século XX segue a ser o himno da maioría dos partidos comunistas, de certas organizacións revolucionarias. Cántase en certas manifestacións reivindicativas alzando o puño e é o símbolo das loitas sociais.
As primeiras versións da Internacional en lingua galega van aparecer no exilio durante a Guerra Civil. A primeira aparecerá no xornal Nueva Galicia vencellado ao PCE o 14 de novembro de 1937, asinada polo capitán do Exército Popular Luís Bóveda Pérez. A segunda será publicada polo mesmo xornal o 28 de novembro de 1937 e é da autoría de Ramón Cabanillas Álvarez, militante galeguista e fillo do poeta Ramón Cabanillas Enríquez.[3] Con todo, estas dúas versións, ambas interpretacións bastante libres do poema orixinal, coñecerán pouca difusión no seu período, non sendo cantadas por ningunha organización tras o final da Guerra Civil.
No ano 1969 aparecerá unha nova tradución ao galego realizada por Henrique Harguindey, naquela altura estudante en París e militante da UPG. Será esta versión a que gañará popularidade en manifestacións e actos públicos tras o final da Ditadura Franquista, sendo na actualidade a única versión cantada en lingua galega, así como a recoñecida oficialmente por distintos sindicatos e partidos políticos como a Confederación Intersindical Galega[4] ou a Central Unitaria de Traballadores entre outros.
Eugène, Pottier; Obras reunidas, presentadas e anotadas por Pierre Brochon (1966). Éditions Maspero, ed. Œuvres complètes d'Eugène Pottier. París. ISBN.
Maurice, Dommanget (1971). EDI, ed. Eugène Pottier, membre de la Commune et chantre de l'Internationale. París. ISBN.