Saltar ao contido

Decretos de Nova Planta

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Decretos de Nueva Planta»)

Decretos de Nova Planta
Represión borbónica na Guerra de Sucesión Española Editar o valor en Wikidata
 Instancia de
 Subclase de
 Parte de
Historia
 Acontecementos importantes
Implicados
 Asinantes
Localización
 País
Fontes e ligazóns
Freebase/m/04dfl5 Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons
Portada dun dos Decretos de Nueva Planta, que prohibía o uso da lingua catalá na administración de xustiza de Cataluña.

Os Decretos de Nova Planta son un conxunto de decretos asinados polo rei Filipe V despois da Guerra de Sucesión, en virtude dos cales se abolían os foros e constitucións dos territorios da Coroa de Aragón e se cambiaba a organización territorial da Monarquía Hispánica. Formalmente son unha serie de Cédulas Reais que estableceron unha «nova planta» das Reais Audiencias dos territorios da Coroa de Aragón e da Coroa de Castela. Todos eles veñen precedidos dunha abolición das institucións propias:

Los corregidores pondrán el mayor cuidado en introducir la lengua castellana, a cuyo fin darán las providencias más templadas y disimuladas para que se consiga el efecto deseado sin que se note el cuidado
Decreto de nueva planta de 1717.[1][2]

O 13 de abril de 1711 promulgouse un segundo decreto en Aragón que restablecía parte do dereito aragonés e regulaba unha nova organización da Audiencia de Zaragoza. A primeira reivindicación da Coroa de Aragón respecto á situación anterior á Nova Planta foi o memorial de agravios denominado Representació (1760). Os Decretos de Nova Planta significaron a fin das institucións propias dos países da Coroa de Aragón, se ben xa foran perdendo a súa influencia real durante os sucesivos reinados da Casa de Habsburgo[3].

Precedentes

[editar | editar a fonte]

A ocupación militar da Coroa de Aragón e a consecuente aplicación dos Decretos de Nova Planta representaron a aplicación dos plans do Memorial Secreto de Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares, ao rei, para " reducir estes reinos de qué se compone España al estilo y leyes de Castilla sin ninguna diferencia " (1625). Cos Decretos de Nova Planta, o primeiro rei da casa de Borbón seguiu, por outra banda, a política aplicada a Cataluña do Norte polos seus antepasados desde o Tratado dos Pireneos e a concepción absolutista do poder da monarquía.

Consecuencias xurídicas

[editar | editar a fonte]
Constitucións de Catalunya publicadas en 1704 en virtude do Capítol de cort LXXXII aprobado nas Cortes Catalás celebradas en Barcelona entre 1701-1702.

Os Decretos de Nova Planta tiveron en común a desaparición das características propias da estrutura da Coroa de Aragón primeiro, e a Monarquía Hispánica despois, é dicir, a monarquía composta: un rei reinante sobre diferentes reinos, dado que estes reinos desapareceron sometidos ás institucións, leis e autoridades dun deles, o de Castela, se ben continuaron existindo aínda que non nominalmente.

Cos Decretos de Nova Planta tamén desapareceu o sistema de relacións políticas propio da Coroa de Aragón: a soberanía compartida entre a monarquía e os estamentos, exercida a través das Cortes e da aplicación das Constitucións e privilexios, mesmo no caso do Reino de Mallorca, en que o Gran i General Consell tiña competencias propias das Cortes que este reino non tiña.

Os Decretos de Nova Planta supuxeron a morte xurídica dos territorios da Coroa de Aragón como entidades con personalidade propia porque quedaron sumidos dentro do maremagnum castelanizante e provocaron o debilitamento da conciencia nacional. Así mesmo, non só se conseguiu a desaparición das estruturas políticas peculiares e propias destes países, senón que empezou a batalla política contra o catalán a todos os niveis, incluída a Igrexa, chegando ao feito de que en 1730 o arcebispo Mayoral ordenou aos seus reitores que castelanizasen nomes e apelidos nos rexistros parroquiais.

Á fin e ao cabo supuxo a perda da capacidade lexislativa e do control económico, fiscal, xudicial, aduaneiro e monetario propio e a dependencia dos aparatos políticos casteláns, á parte de impor a autoridade real por riba da legal[4].

Imposición dun modelo político

[editar | editar a fonte]
Castelo de Cardona, último reduto da resistencia catalá na invasión de 1715.

Estes decretos toman Francia como modelo político e ao mesmo tempo establecen que estes territorios pasarán a ser rexidos segundo as leis e os costumes de Castela; son consecuencia da visión absolutista e centralista do monarca, collendo como motivo o castigo á Coroa de Aragón polo seu apoio ao Arquiduque Carlos de Austria.

Con estes decretos empezouse a configurar definitivamente o Estado Español tal e como se coñece na actualidade, como un estado unitario tanto a efectos políticos como administrativos, xa que até entón España só era un conxunto de diversos países nos cales, dende os reis Católicos, reinaba o mesmo monarca. O seguinte momento e definitivo sería a década de 1830, coa creación do estado-nación español polo liberalismo centralista.

O decreto de Nova Planta do Reino de Valencia e Aragón significou a fin de todo o sistema lexislativo e político valenciano e aragonés: os foros de València e de Aragón e as Cortes Valencianas e as de Aragón foron substituídos polas leis e o réxime político de Castela. Os funcionarios empezáronse a nomear dende Madrid, o valenciano foi prohibido como lingua da administración, do ensino e da predicación. A diferenza doutros territorios da Coroa de Aragón, no caso valenciano, aboliuse mesmo o dereito civil. Aragón tamén perdeu as súas leis e a lingua. Naquel momento o aragonés xa se encontraba nun adiantado proceso de asimilación polo castelán na parte sur do reino e nas bisbarras interiores do País Valencià, ata entón de fala aragonesa.

Cortes Catalás nunha miniatura dun incunable do século XV.

O Estado Central organizouse en provincias gobernadas por un Capitán Xeneral e unha audiencia, encargados da administración. Para a administración económica e financeira establecéronse as intendencias provinciais, seguindo o modelo francés, que levaron consigo a aparición da figura dos intendentes.

Para o Goberno Central creáronse as secretarías de Estado, orixe dos actuais ministerios, que eran ocupadas por funcionarios designados polo rei. O sistema de Consellos dos reis da casa de Habsburgo foi abolido, agás o Consello de Castela, que centralizou o poder e onde a Coroa de Aragón en conxunto tivo menos representación que Galicia, Asturias e Navarra por separado. Creáronse tamén unhas Cortes únicas para todo o territorio, con sede en Madrid. Estas Cortes remarcaban a unidade e o centralismo pero non tiñan poder ante o poder absoluto do rei Borbón.

Imposición dunha lingua

[editar | editar a fonte]

O Decreto de Nova Planta prohibe o uso da lingua catalá á administración de xustiza de Cataluña: "As causas na Real Audiencia tramitaranse en lingua castelá"[5].

Instrución secreta redactada polo Abade de Vivanco, secretario do Consello de Castela, dirixida aos corrixidores de Cataluña: Porá os maiores esforzos para introducir a lingua Castelá, coa finalidade de dar as providencias máis mornas, e disimuladas para que se consiga o efecto sen que se noten os esforzos[6].

Abolición do dereito foral

[editar | editar a fonte]

Non se aboliu en todos os reinos todo o dereito foral, dado que nalgúns, como o de Mallorca, se aboliu só o dereito político e administrativo e non o penal, o procesual nin o privado. No caso do reino de Aragón, onde houbo dous Decretos de Nova Planta (en 1707 e 1710), co segundo restaurouse o dereito privado que se abolira co primeiro. Tampouco perdeu o dereito privado o Principado de Cataluña. Así que, tan só perdeu este dereito o reino de Valencia xunto con todos os outros dereitos.

Os Decretos de Nova Planta supuxeron a abolición de feito das Constitucións catalás (Compilación das constitucións de 1585).

De feito, o artigo 42 do Decreto para o Principado de Cataluña di textualmente: "En todo o que non estea nos capítulos precedentes deste decreto, obsérvanse as constitucións que antes había en Cataluña; entendéndose, que son de novo establecidas por este decreto, e que teñen a mesma forza e vigor que o individual manado del"[7]. Isto significou a prevalencia do Dereito Civil Catalán, pois no capítulos anteriores non se fala en absoluto deste[8].

Abolición das institucións catalás

[editar | editar a fonte]

O decreto de Nova Planta de Cataluña abolía a Deputación do Xeneral, as Cortes Catalás, o Consell de Cent etc. Substituía ao vicerrei por un capitán xeneral, dividía Cataluña en correxementos, como en Castela, e desaparecían as tradicionais vigairías. Establecíase o catastro, para gravar propiedades urbanas e rurais, e os beneficios do traballo, o comercio e a industria. Igualmente, o castelán pasaba a ser lingua oficial, especialmente da escola e os xulgados. Tamén se pecharon as universidades catalás, que deran apoio ao Arquiduque Carlos de Austria, e creábase a Universidade de Cervera.

O decreto de Nova Planta de Mallorca e as Pitiusas (de acordo co Tratado de Utrecht, despois da Guerra de Sucesión, Menorca pasou a depender da Coroa Británica) abolía todas as institucións mallorquinas, como o Gran i General Consell. Ademais implantouse o nome romano de Palma na cidade de Mallorca.

  1. ↑ En 2010 aínda seguen en vigor arredor de 150 disposicións, artigos e decretos que obrigan ao uso do castelán na industria e o comercio
  2. ↑ 55 mentiras sobre lingua galega. X.H. Costas (coord.). Editorial Laiovento, 2009. Publicación da plataforma cidadá ProLingua.
  3. ↑ Vegeu Joan Reglà, "El Regne de València i la Corona d'Aragó", en Aproximació a la història del País Valencia (en catalán).
  4. ↑ Manifesto Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine. de Francesc Ferrer lido en 1976 na Devesa de Girona, nos actos organitzados na primeira celebración da Diada.
  5. ↑ Artigo 5 Arquivado 15 de marzo de 2008 en Wayback Machine..
  6. ↑ "Instrucciones del fiscal José Rodrigo Villalpando a los corregidores de Cataluña el 29 de enero de 1716", recollido en FERRANDO, A. e NICOLÀS, M.: Panorama d'història de la llengua. València. Tàndem, 1997. Pódese consultar na rede na páxina 72 de GARCÍA, M. J.: La gramática española y su enseñanza en la seguna mitad del siglo XVIII y principios del XIX (1768-1815) Arquivado 24 de xullo de 2011 en Wayback Machine. València. Universitat de València. 2005 (tese doutoral) (en castelán).
  7. ↑ Artigo 42 Arquivado 19 de marzo de 2008 en Wayback Machine. (56 nesta edición).
  8. ↑ de Camps e Arboix, J.: El Decret de Nova Planta. Rafael Dalmau, editor, Barcelona 2005, páx 35 e ss. (en catalán).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]