WestJet Airlines Ltd. é unha aeroliña canadense que se fundou como unha alternativa de baixo custo ás principais compañías do país.[1] WestJet proporciona servizos regulares e chárter a 100 destinos no Canadá, Estados Unidos, Europa, México, Centroamérica e o Caribe. Fundada en 1996, no presente é a segunda aeroliña máis grande do Canadá, tras Air Canada,[2] operando unha media de 424 voos e transportando uns 45 000 pasaxeiros cada día.[3] En 2013 WestJet levou a 18,5 millóns de pasaxeiros,[4] sendo a quinta aeroliña de Norteamérica por pasaxeiros transportados. WestJet é unha compañía pública con máis de 10 000 empregados,[4] non está sindicalizada e non forma parte de ningunha alianza de aeroliñas. Opera tres variantes da familia Boeing 737 Next Generation, ademais do Boeing 767 nalgunhas rutas de longo alcance.[5] A súa subsidiaria WestJet Encore tamén opera o Bombardier Q400. A sede da compañía está ao lado do Aeroporto Internacional de Calgary.[6]
En 2015 WestJet tivo uns ingresos por pasaxeiros de 4,029 mil millóns de dólares canadenses e as súas ganancias por acción incrementáronse un 19% ata os 2,92 dólares canadenses.[7] En 2016 a aeroliña foi cualificada como a sétima mellor aeroliña de baixo custo do mundo e a segunda de Norteamérica por Skytrax.[8]